SOBRE NÓS
"Toda arte para definirse coma tal, ten que ser combativa ao seu xeito; senón non é arte, é decoración".
Fotografía en técnica de colodión húmido obra dos amigos de LAB ON WHEELS tomada na Casa de Rebolos de Maruxío.
Na fotografía superior: Poli retratada por NURI VILLA no MUR MARXINAL de Ourense.
Ola! Eu son quen está á cabeza deste proxeto que naceu alá xa polo 2017 cando voltei de vivir uns anos en Londres onde aprendín o oficio. Chámome Vanesa Iglesias Casal e como vedes, o noso taller toma o nome do segundo apelido en honra a meu avó Adolfo; carpinteiro de infinita sabedoría no seu oficio e unha fonte inesgotable de coñecemento e aprendizaxe vital de onde aprender tódolos días.
Dende cativa, lémbrome xogar coa miña irmá no seu banco de carpinteiro que aínda conserva no baixo da casa. O olor da madeira, a cola, o pó das serras ao cortar, ... son lembranzas entrañables que me ligan de maneira certeira co meu oficio actual.
Á súa vez son Historiadora da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2005-2010) cun Máster e Arte Contempóranea, Museoloxía e Comisariado (2011) polo que bebo sempre do que máis mamei na miña formación: beleza, artesanía e deseño.
Foi en Londres onde tiven a oportunidade de aprender enmarcación no Richmond Adult Community College ao oeste da cidade, asqueada de traballos noxentos en grandes multinacionais. Logo de rematar a formación tuven a oportunidade de comezar como enmarcadora na Jealous Gallery and Screenprinting Studio no seu departamento de enmarcación en Tottenham, nun polígono industrial onde vivín a dura realidade obreira da clase traballadora que acentuou a miña posición política e de compromiso máis se cabe.
Dende o noso taller enmarcabamos para a propia galería sita en Shoreditch e Crouch End en outras arredor de toda a cidade (Hung Up, Eyestorm) e para artistas moi recoñecidos na escea londiniense como Charming Baker, Ben Eine ou Chris Levine. Así, tuven a ocasión de traballar con pezas de Banksky, Murakami, Tracy Emin ou Peter Blake en diversas ocasións. E foi tamén como aprendín a traballar con calidade Conservación e as súas técnicas para a mellor preservacións das obras.
Co tempo conseguimos este espazo de traballo no Campo da Feira na vila de A Estrada onde todas aquelas persoas boas e xenerosas sodes máis que benvidas e onde vos agardaremos cos brazos abertos. Tentaremos que sexa ademáis de lugar de traballo; de encontro, de conversas , de posta en común e casa de tódalas artistas galegas, onde tecer comunidade e futuro xuntas.
Amamos a nosa Lingua, a nosa Cultura e a nosa Terra, así como tódolos referentes artísticos e políticos que loitaron para facer valer a nosa cultura, arte e patrimonio polo que nos definimos como antifascistas e como tal combatimos o machismo, o racismo, o feixismo, a homofobia, os privilexios de clase e erguémonnos por un mundo máis xusto e igualitario para todas e todos . Somos orgullosamente clase obreira, traballadoras e galegas!